mércores, 5 de setembro de 2018



JOAN COROMINAS. UNHA DAS PERSOAS QUE MÁIS APORTOU A ESTE SABER.



Normalmente usamos as palabras de maneira inconsciente sen pararnos a pensar que estas teñen unha procedencia, unha orixe e unha historia que en moitos casos resulta curiosa e mesmo entretida. Este interese e gusto persoal levoume a escribir unha serie de artigos sobre este tema que quero poñer a disposición doutras persoas movidas coma min por esta curiosidade. Estas achegas fanse dende a humildade; agardo que os moitos especialistas que hai na materia saiban perdoarme as imprecisións e mesmo erros que en ocasións poidan aparecer; o afán deste traballo é  divulgativo. Nunha sociedade na que as humanidades tanto perderon e perden cómpre achegar estes saberes aos curiosos de forma amena e entretida.

SOBRE ARQUITECTURA III.

EDIFICACIÓNS RELIXIOSAS.

Cando falamos deste tipo de edificios, a primeira  palabra que se nos vén ao acordo é igrexa; escrito con maiúscula cando nos referimos á institución eclesial. En grego "ekklesia" significaba asemblea, congregación; e dende aí pasou ao latín "ecclesia", e ao galego "igrexa"

Da "cathedra" latina temos o resultado derivativo "cathedrale", en latín referíase á cadeira ou lugar que dá acollida á cátedra, cadeira na que sentaba o bispo. Na catedral, daquela, tiña o bispo a súa cadeira ou cátedra.

Cómpre lembrar a existencia doutros moitos nomes deste tipo pero sen connotacións cristiás coma os anteriores: mesquita, do árabe "mesguid" (templo); a mesquita é un templo mahometano.

venres, 13 de outubro de 2017

SOBRE ARQUITECTURA II

Tamén o árabe nos achegou un bo número de termos relacionados co eido arquitectónico; non esquezamos que foi unha cultura avanzada neste terreo. Reparemos en alicerce, tabique ou tarima; fillos de “al-isas” (base ou fundamento dun edificio: alicerce), “taxbik” (parede de tixolo): tabique; “tarima” é o berce do noso tarima.

Arbotante e xamba son dous termos de procedencia francesa: “arc-boutant”, onde “arc” se refire obviamente a arco e “boutes” a apoio. O arbotante é un arco gótico que contrarresta o empurre dun muro. A xamba é cada unha das pezas verticais dunha porta ou ventá que soportan o lintel; son as pernas das portas ou fiestras (fenêtre); e en realidade xamba ten moito que ver con pernas se nos fixamos na orixe francesa “jambe” (perna).


Chegáronnos de Italia arquitrabe, baldaquino e zócalo, da lingua que máis aportou a esta arte. “Architrave” (trabe mestra ou principal). “Baldachino” e “zoccolo” é de onde nos chegan as outras dúas. Termos relacionados con edificacións públicas. 


Temos palabras de orixe italiana como “pasarella” ou “pergolla”, chegadas do latín “pergula” (balcón emparrado). Hoxe a pérgola é unha especie de paseo con cobertura en forma de emparrado.

De orixe francesa son: pavillón, toldo, terraza ou marquesiña. Do francés antigo chegounos a primeira, “paveillón”, tenda de campaña, á súa vez chegado do latín “papilionis”, bolboreta. Establécese unha asociación pola semellanza entre as ás do insecto coas da tenda cando as axita o vento. Terraza tamén é francesa “terrasse”. Marque”, sinal, deu en francés “marquise”, toldo estendido perante a tenda de campaña dun oficial; o resultado para nós é “marquesiña”, tamén un lugar de protección e de abrigo. 

Hemiciclo, coliseo e acueduto presentan claras reminiscencias da Roma clásica. A primeira, contén o elemento grego de formación de palabras “hemi”, a metade, máis “kyklos” (forma esta tamén grega que significa círculo); e así é, o hemiciclo non é máis ca unha edificación de forma semicircular. Coliseo vén do latín “colosseu”, colosal; acueduto componse dos latinos “aqua” máis “ductu”,condución.

Arquitrabe, hemiciclo, xamba, pavillón, pasarela.

domingo, 8 de outubro de 2017

SOBRE ARQUITECTURA I

Cando contextualizamos unha obra artística, facemos referencia ao seu estilo e orixe; podemos catalogar unha obra como “mustarab” (mozárabe) ou “umayya”, é dicir, omeia (dinastía árabe fundada por Umayya, primeiro califa de Damasco). Son dous exemplos de posibles puntos de arranque para a realización dunha análise ordenada dunha obra arquitectónica.

 De contado, imos referirnos a algunhas palabras que configuran o corpus arquitectónico. Velaquí algunhas mostras como “pedestal”, peaña ou pé de pouca alzada que sostén ou serve de base a unha columna, trátase dunha fusión de dous termos con etimoloxía heteroxénea; a forma latina “pede” (pé) únese á palabra xermánica “stal” (asento) ; o resultado en italiano é “piedestallo” e de aí, tal e como ocorreu con moitas palabras con marcadas connotacións artísticas espállase a outras linguas próximas.

Procede do francés “pilastre” a palabra pilastra (columna cadrada).

Do latín “limite” ( linde, límite) xorde por derivación “limitellus” que chegará a nós como lintel a través do francés antigo.

Tamén pasou do latín ao francés “parpadaneu” > fr. antigo “parpaigne” e en galego perpiaño ( pedra para a construción con seis caras sen tallar).

Temos tamén en francés “chanfrein”; fusión de “chant” (canto ou ángulo) máis “freindre” (cortar, tronzar). O resultado que chegou a nós é chafrán ( fachada moi estreita e cortada dun edificio).

“Caput”, cabeza en latín deu unha forma derivada tamén en latín “capitellu”, que pasou ao francés antigo como “chapitel” e que deu en galego “capitel”, (parte que remata o fuste dunha columna). Asóciese coa palabra chapeu, sombreiro.

É moi común, sobre todo no ámbito da construción a palabra gres para facer referencia a certos tipos de pavimentos que se empregan nas máis modernas edificacións. Sáibase que a devandita palabra procede do francés e significa “areísca”.

“Basilaire”, outra forma de orixe francesa deu como resultado basilar, que serve de base.

A cornixa é un elemento arquitectónico saliente e moldeado que coroa un edificio. A palabra procede do grego “koronis” (remate) dando en italiano “cornice” e de aí chega a nós como cornixa.









domingo, 1 de decembro de 2013

OS ANIMAIS X

Deixamos de tratar con monos e pasamos a falar dalgunhas palabras moi comúns no idioma galego e na literatura. Tamén a cultura galega foi achegando orixinais designacións, únicas no eido animal.

Se dicimos vaca, nada de orixinalidade lingüística galega atopariamos neste termo tan importante para os galegos. Da importancia da vaca faláronnos entre outros Castelao ou Manuel Rivas co seu "Un millón de vacas". Mais os nosos gandeiros e labregos aparte de buscarlles nomes tan poéticos como pomba, marela, ratina, luceira, etc., empregaron cuxa ou xovenca; forma esta procedente do latín "iuvenca", o que nos leva a emparentala con "iuvenis"
( xove ). En realidade, a xovenca é unha vaca nova, xove.

Son netamente galegos elementos do mundo animal como vagalume, tamén denominado popularmente coa expresión "unha vella facendo o caldo". As persoas que andaban de noite polas corredoiras e escuros camiños da Galicia rural contemplaban aquelas sinistras luces nas silveiras, íanse atopando con vellas co caldo ao lume no seu pote, eran os vagalumes. 

Son tamén moi galegos outros noves de aves como: vencello, vichelocrego ou oureol, laverca ou mazarico; este último cunha etimoloxía curiosa "marcico", relacionado co mes de marzo, mes no que máis se estima o seu canto.

Hai animais cun significado mítico e outros cunha clara relación con crenzas e supersticións tradicionais; uns cunha proxección máis xeral coma o unicornio, quetzal, pitón, medusa, dinosauro, fauno; e outros cunhas claras raigañas galegas coma vacaloura ou curuxa por poñer dous exemplos claros. 

O unicornio procede do latín "unicorne"; fai referencia a ese mítico ser tan buscado noutrora pola crenza de que no interior do seu corno existían substancias que subsanaban o problema da impotencia masculina. Atribuíanselle propiedades afrodisíacas. 

O azteca "quetzalli", pluma fermosa;deixounos a palabra quetzal para referírmonos a esa ave tropical de plumaxe moi vistosa e considerada sagrada polos indios americanos.

A pitón é outro ser con connotacións mitolóxicas, se nos centramos na súa etimoloxía grega "python" (serpe mitolóxica vencida polo deus Apolo). Malia o temor que causa este réptil polo seu tamaño cómpre destacar que non é velenosa.

Os dinosauros son tamén seres lendarios. O nome destes xigantescos réptiles da era secundaria procede do grego "deinos" ( terrible ) máis "sauros" ( lagarto ).

Do mar regalounos o grego "medusa" (monstro mitolóxico con moita cabeleira e figura de muller) ; de aí que por semellanza se denominase así ao celentéreo con umbrela e longos tentáculos.

Para mencionar colectivamente ao conxunto de animais dun ecosistema empregamos a palabra fauna; fauna mariña, terrestre, etc. Fauna ten unha explicación tamén mitolóxica que nos chega do latín "faunu" ( deus mitolóxico romano dos campos e das selvas con torso e cabeza de home e o resto do corpo de cabra ). 

OS ANIMAIS IX

A palabra cuadrumano pódenos resultar algo distante e de uso moi rrestrinxido mais non nos parecerá tan lonxana se lle poñemos ao ladoa expresión equivalente "catro mans". Xa empezamos a ver agora o parecido entre cuadrumano e catro mans. En realidade, os cuadrumanos non teñen catro mans pero é como se as tivesen se temos en conta o uso que fan das patas comoa dúas mans máis. Veñen equivalendo aos comunmente coñecidos como monos, aínda que o mono é un elemento máis da familia dos cuadrumanos, pois neste grupo entrarían tamén os orangutans e chimpancés. os monos son animais inquedos,rebuldeiros e mesmo semellan felices, esta última apariencia vese reafirmada se reparamos na orixe da palabra mono, do árabe "maimon" ( feliz ). 

O orangután é un ser de maiores dimensións, é un simio antropomorfo que vive nas selvas de Borneo e Sumatra (Indonesia ); chega aos dous metros de altura e ten os brazos moi longos. Esta estraña palabra procede do malaio "orang" (home) máis "kutan" (bosque); daquela designa ao home do bosque.

Do inglés chegounos a palabra mandril, a suma de "man"  (home ) e "drill" ( simio )

domingo, 6 de febreiro de 2011

OS ANIMAIS VIII


Practiquemos a equitación, peguemos agora un chouto dentro do reino animal e falemos dos équidos, dos cabalos. Reducimos o paso e imos a trote, é dicir, a paso lixeiro, este é o significado de trotar, verbo chegado do xermánico "trotton" onde tiña o significado de correr.

Son moitos os tipos de cabalos, témolos percheróns (moi fortes e corpulentos), do francés "percheron" (natural de Perche, antiga provincia de Francia). Do latín “ravidanu, ravidu, ravu” (gris amarelo) procede ruán (cabalo ou égoa co pelo mesturado de branco, gris e baio). Do latín "currere" derivou "corseriu", forma que deu en francés "coursier" e en galego e outras linguas románicas corcel; é dicir, lanzal e veloz; un tipo de cabalo axeitado para torneos e batallas. Se nos refirimos á escasa envergadura dos équidos temos que reparar nos ponis, termo que nos chega do inglés "poney", raza de cabalos ananos.

Alazán, do árabe "al hizan", fai referencia á un cabalo que ten unha pelaxe de cor canela (do latín "cannella", diminutivo de "canna").

De "melfa" (árabe) chegounos belfo, labio inferior dos cabalos, máis caído có superior.

Detemos o noso cabalgar e tiramos da brida, palabra que procede do francés "bride" e que se refire ao freo que serve para suxeitar, deter ou guiar un cabalo.






saafern@gmail.com